Blog

O Tren en Rábade

30.11.2012 10:54

Pasados son os tempos, en que o tren era un elemento esencial no transporte das persoas para achegarse ata outras vilas e cidades. Era, entón, un medio que permitia unha mobilidade que repercutia nuha maior comunicación entre a xente. Hoxe ise organismo, empresa ou o que sexa, chamado Adif resulta que se emperrenchou en promover só as viaxes intergaláctico-metropolitanas  porque renuncia e impide que o fagamos coa vila do carón. Despois, din que son servizos deficitarios. Supoño que a xestión da Adif está en perfecta consonancia coa politica, por procedencia ou nomeamento, porque é evidente que se fai de costas a cidadanía. Quén colle o tren para ir ata A Coruña?-por exemplo -Resposta: Ninguén, ou se alguén o fai é por "romanticismo" ou algo polo estilo, porque no ano 2012 tarda o mesmo tempo que no 1992, que foi cando aos madrileños e aos sevillanos lles puxeron iso que se chama Ave e que aqui vemos nas noticias nacionais de todos os españois, unidos e iguais en sermos do Madrid ou do BarÇa que son dos que hai que ser, según a prensa e a TV, pero, en nada máis. A cuestión é que nos poñen servizos en función da demanda, e como ista e cada vez menor, implica que a oferta se vaia reducindo, para evitar perdas, din. Así temos o que temos; pouco e malo. Pero como o nivel de incompetencia e de estupidez é ilimitado no xénero humano, e especialmente nos que fai unhas decadas que nos gobernan e marimandan sobre nós y "todas las cosas", resulta que nunha vila como Rábade, atravesada por unha infraestructura férrea, seccionadora, agresiva, perigosa e case que inutil, van os espabilados que deciden e toman a decisión inapelable de pór vallas metalicas ao longo da vía para deixar claro que é algo alleo a un pobo que relixiosamente pagou os seus impostos, igualiño que os que se benefician de AVES e trenes de cercanías...rentables. Nun país democrático de verdade non se pode ir en contra da vontade do pobo, por moito que argumentes o ben común, porque o común é sempre o pobo das vilas ou das cidades , o que vive, traballa, desfruta cando pode e sofre a unha clase política e dirixente máis corrosiva, parásita, inepta e inútil que a aristrocracia e ca nobreza da Francia pre-republicana. Por aquel entonces non se librarían de "Madame Guillotine". Hoxe proporcionámoslles uns suculentos retiros polos servizos prestados a sí mesmos. 

Un é un simple cidadán que admira a humildade dos que saben, dos que estudan, dos que investigan, dos creadores, os que ensinan e aprenden, aos que poñen as persoas por diante de calquera outra cousa. En definitiva, a aqueles que molestan por seren o único impedimento para que a ignorancia, a corrupción, a mediocridade, a manipulación e a mentira sexan os "valores" imperantes nas nosas vidas. Calquer experto en transporte sabe que o proceso de implantación destas infraestructuras debe facerse a inversa: primeiro, faise o estudo (serio e rigurosamente científico) e se procede, instalase un servizo efícaz, adecuado, útil e dirixido a uns usuarios que, precisamente, por estas caracteríscas, necesariamente vanno empregar de xeito cotiá. Ninguén pode ir en tren desde Lugo as vilas da súa costa, para comprar, vender, traballar, ir a praia ou a dar unha volta, por un motivo moi sinxelo: non existe ise servizo. Ninguen colle o tren para ir a Coruña, porque tarda o dobre de tempo que un bus ou un turismo, o que ven a significar que en realidade tamén carecemos de tal servizo. Claro que aquí é donde eles pretender xustificarse coa non demanda. Con varios trenes ao dia con destino  Coruña, e con igual ou parecido tempo de viaxe, seguro que a maioría dos viaxeiros optarían pola comodidade, seguridade e mellor prezo do despazamento no Tren. A estas conclusións xa chegaron os verdadeiramente expertos cando xurdiron por exemplo os grandes desenvolvementos urbanísticos das cidades e áreas metropolitanas dos EEUU de América a principios do século pasado. Señores politicos e señores postos a dedo por istes, sen esquecer aos receptores dos bens e servizos de todos, privatizados para mal-xestionalos como Iberia ou Renfe (Adif), xa que se quedan co servizo en réxime de  efectivo monopolio e polo tanto cos ingresos que reporta, é dicir, cos cartos, teñan a decencia de non privarnos de servicios que unha sociedade require. E mentres vostedes xogan ao golf, toman unha copa nun local VIP  ou se rascan aquilo co que pensan, deixen nas mans dos verdadeiros  profesionais  a realización de aquilo sobre o que vostedes demostran total incapacidade. Para empezar, sen a contrapartida dun servizo real, non é posible impor  a instalación dun reforzo á barreira física que, cuan "muro de Berlín" fai  que a vida da xente de Rábade sexa considerablemnte peor. Os servizos publicos son para mellorar a calidade de vida, non para empeorala. 

JC   

>>

Os liscos de Fina e Gonzalo Soto

09.03.2012 13:23

Gonzalo Soto

Este home ben merece un recoñecemento do deportivismo do exterior, aínda que ben próximo, coma neste caso, dende a cidade das murallas, veciña , amiga e irmá, pero que,  o mesmo tempo e quen, as veces, de repudiar á metrópoli herculina, disque pola chulería que adoitan mostrar algúns que din que son de “La Coruña” e que “el gallego no te lo entienden allá moi bien”, e que, desgraciadamente, un, que ten a maior parte da familia, amigos e o máis grande  clube de futbol da “Gallaecia” que un día pretendeu os seus servizos, puido comprobar en máis dunha ocasión. Sempre digo que son ises, precisamente, os que renegan do Dépor para seren os máis ferventes seguidores de  Mourihno e Guardiola e que entrarían en estado ansioso-depresivo  se escoitaran aquilo de que o equipo galego venceu aos madrileños ou aos cataláns.

Gonzalo Soto, periodista dos de verdade, deportivista e amigo da miña cidade. Na revista Depor Sport  do 18  de xaneiro do 2007  publica un artículo magnífico, “Dende o jalejismo galego ata os liscos de Fina” que  case ao final di:

“É certo o refrán ...e para xantar Lugo , unha cidade onde se respira deportivismo. Moitas e variadas son as maneiras de papear na cidade do Santísimo, quédome con unha tasca da rúa Pintaroxo, do barrio de Albeiros, a de Fina, un lugar atendido por unha muller agradable no trato. A súa única preocupación son os seus clientes. Alí saboreei os máis preciados liscos-panceta frita-que endexamais comín en outro lugar. Recoméndolle...)" Continuaba Gonzalo recomendándolles a todos que visitaran este sitio tan peculiar, acto ao que me sumo, engadindo que o que di ao respecto dos liscos vaille pintadiño aos callos que prepara tamén esta luguesa, non sabemos se romana ou castrexa.

Grazas Gonzalo.

JC

>>

Abandono do concello de Rábade

27.02.2012 12:44

O actual alcalde, Francisco Fernández Montes, é un político que merece todos os meus respetos; primeiro por ser o alcalde electo dun concello como Rábade, segundo, porque é independente, á marxe do PP ou PSOE e se me apuran incluso bo BNG. Claro que sempre hai a "excepción a regla" e neste caso, o alcalde, non é quen de entender que a práctica deportiva e o exercicio físico non son actividades exclusivas  da idade escolar ou de asociacións ou grupos profesionais. Todo o contrario, xa no 1946 a OMS (Organización Mundial da Saúde) referíase ao termo saúde, advertindo que non pode entenderse só como a ausencia de enfermidade, senón como un estado completo de benestar físico, mental e social.

Ben, nós somos un equipo de  veteranos,  que "acollemos" a xogadores de futbol de máis de 30 anos) que deixan a actividade puramemte competitiva  para seguir cunha practica e unhas actividades que curiosamente son demandadas continuamente polas autoridades deportivas e  sanitarias dos países occidentais. Que isto non sexa detectado e valorado no concello de Rábade é un problema de base, importante. Que se retire a pírrica asignación para o mantemente do Catro Ventos, agrava o anterior máis aínda, pero, que se permita a entrada indiscriminada ao campo de persoas que "machacan" literalmente o campo, é a evidencia de que ademáis de non entender, despreza o deporte, a educación física e as prácticas saudables da poboación "senior" que se desenvolve no concello do que é rexidor municipal. Isto non é de recibo. De non ser polos 20 anos que o CD Rábade de Veteranos o leva "aguantando" hoxe sería unha selva urbana ou uns bloques de edificios. O que o noso compañeiro Piris leva traballado alí, nunca será recoñecido, e menos recompensado por ningún político de despacho. Para mostra... un botón. 

Sobre este tema pódese e débese rectificar. Estamos en crise, pero iso non pode ser o pretexto para ignorar  a realidade. Se o concello tiña unha partida de 1.000 € para manter un campo de herba natural, vese a leguas que  xa era máis ca insuficiente, ridícula, pero é que,  se a supresión presupuestaria se lle engade a total permisividade para cos rapaces e non tan rapaces, que "por libre" desfán o que a outros nos costa moito facer, a cousa  non ten nome. 

Sr. Alcalde: está nas súas mans resolver, facilmente, un problema que ten solución, unha solución que parte de ter un chisquiño de sentido común. 

JC. 

>>

Apostamos polo futbol

22.11.2011 12:02

 

Apostar polo fútbol non é apuntarse ao carro do estilo Guardiola, Del  Bosque ou Luís Aragonés na súa versión de "La Roja". Cousa relativamente fácil neste mundo oportunista e de poucos principios. Apostar polo fútbol ao noso nivel é disfrutar del, e non empregalo como pretexto para acadar só resultados a base de ignoralo   en pro da marrullería e do "todo vale" cuán equipo profesional ao máis puro estilo Bilardo ou Mourinho.

Que non somos profesionais! A ver si se enteran algúns árbitros, que si o son, polo menos en parte, xa que sacan rendementos económicos do seu labor e nós, no mellor dos casos unhas tarxetas por queixármonos e con toda seguridade unha boa colección de golpes nas pernas ou donde se tercie. É inconcibible que algún xogador, nunha liga de fútbol veterano, como a nosa, acabe un partido cunha amarela ou incluso totalmente impoluto ao respecto de amoestacións despois de pasarse o partido "repartindo" unha si e a outra tamén. A que non tedes que facer moita memoria para recordar casos desta índole?

Apostamos pola deportividade e pola estética no xogo, polo compañeirismo e a nobreza co rival, que non inimigo.

A ver se algúns can da burra e toman nota.

Noutro momento desenvolverei máis estes apuntamentos, ou como se diría nunha serie televisiva..."continuará".

 

 JC.

 

 

 

 

>>

Buscar en el sitio

© 2011 Todos los derechos reservados.